(Galego) Malditas Guerras

MILITARISM, ORIGINAL LANGUAGES, 25 Mar 2013

Manuel Dios Diz – TRANSCEND Media Service

Hai dez anos, cos idus de Marzo, o complexo militar industrial, tal e como o denominara Dwight Eisenhower diante de Kennedy na súa toma de posesión como presidente, aquel poder indeterminado que agrupaba a poderosísimas compañías norteamericanas e multinacionais e que, segundo a súa ben fundada opinión de militar laureado, era “o único por riba do presidente dos EE.UU”, conseguiu impoñer, unha vez máis, o seu criterio máis belicista cunha guerra impulsada por estes mercaderes da morte.

Arthur Ponsonby, barón, político británico, pacifista e lord, no seu libro “La falsedad en tiempo de guerra: Las mentiras de la propaganda de la Primera Guerra Mundial, publicado en 1928, fixo célebre a idea de que “cando se declara a guerra, a verdade é a primera víctima”. Quizais nunca foi tan evidente, para millóns de persoas en todo o mundo, como con ocasión da invasión de Iraq. Alejandro Pizarroso, entre outros, analizou ben esta cuestión en “Nuevas guerras, vieja propaganda, de Vietnam a Irak”.

Moitas persoas lembran, non esquecen, a minuciosa preparación propagandística, a sistemática mentira, a reiterada e amplificada mentira, con aquela posta en escena, máis propia da Cortiña de Fume, de Barry Levinson, operación liberdade iraquí, Collin Powell na ONU, coas súas imaxes trucadas, a foto das Azores con Bush, Blair, Aznar e o anfitrión Barroso, a impotencia dos inspectores Blix e El Albaradei, incapaces de frear aquel delirio reiterando a inexistencia de armas de destrución masiva en poder de Saddam Hussein.

E aquelas terribles imaxes nocturnas en cor verde sobre fondo negro, dos bombardeos, cos Tomahawks saíndo dos barcos norteamericanos con destino a Bagdad, as armas “intelixentes” deseñadas para facer o maior dano posible, especialmente, na poboación civil, mulleres, nenos, anciáns, co ánimo de “levar a Iraq á idade de pedra”.

Foi tal a indignación, a rabia, que millóns de persoas de ben, en todo o planeta, decidiron saír á rúa nunha mobilización global como nunca acontecera. No estado español e en Galicia, particularmente, as manifestacións foron só comparables ás do Prestige e Nunca Máis. Tódalas forzas políticas galegas, coa única excepción do PP, sindicatos, ONGs, a sociedade civil en pé de paz conseguiron crear as condicións para un cambio necesario no goberno da Xunta.

Pasaron moitos anos, nada menos que 10, e tantas cousas… Iraq está hoxe máis lonxe da paz e da democracia, os custes daquel delirio belicista norteamericano, iniciado logo do 11 de Setembro de 2001, en Afganistán, leváronnos tamén a onde estamos hoxe, porque no tema armamentístico, si que vivimos por riba das nosas posibilidades, máis de 4.000 millóns de dólares, cada día, hoxe tamén, sen rubor, como si nada, e persisten as violacións dos dereitos humanos, as torturas, Guantánamo, e a violencia sectaria en toda a rexión, mentres o negocio das amapolas en Afganistán florece como se nada, e os propietarios dos pozos petrolíferos, de toda a rexión, incluída Libia, xa sabemos en mans de quen están, non máis sangue por petróleo.

Iraq foi, e segue sendo, o conflito máis caro desde a II Guerra Mundial, en palabras de Joseph E. Striglitz, máis de 3 billóns de dólares, case que 2 millóns de persoas desprazadas, 200.000 civís asasinados, 2 millóns de viúvas, e a violencia sectaria, unha guerra civil encuberta, segue cobrándose vidas, cada día. Un destrozo humano, económico e medioambiental sen precedentes. E un negocio, un extraordinario negocio para os mercaderes da morte.

O dixemos moitas veces, a guerra é o fracaso da política. O gasto militar mundial resulta un permanente insulto á intelixencia humana, uns días de aforro armamentístico darían para atender as necesidades universais máis imperiosas en saúde e nutrición. O dicía moi ben José SaramagoTecnoloxía para a morte 100, pensamento 0”. A guerra non é nunca a solución. A guerra é o problema. Abolila é un imperativo moral. Xulgar ós culpables de crimes contra da Humanidade, un dereito que non prescribe.

A guerra é o territorio onde medran os odios, as exclusións, a afirmación propia e do propio a través da negación dos outros. E os gastos militares son, probablemente, o máis poderoso freo ó desenvolvemento humano. O comercio de armas, como o de mulleres ou de drogas, segue a xerar beneficios astronómicos ocultos nos paraísos fiscais, eses que ían ser pechados coa refundación do capitalismo…

Esta montaxe e encarnizamento militar armamentístico séguese vendendo como a panacea da seguridade dos pobos. Sen embargo, son cada vez máis persoas as que perciben, en todo o mundo, que o sistema armamentístico non asegura nada, agás o beneficio privado dunha minoría, esa mesma minoría á que serven tan ben os mandados, os gobernos dos mandados que diría Martiño Noriega, eses que son quen de xustificar calquera cousa, aínda a mesma barbarie, si a impoñen os mercados e os mercaderes, tamén os da morte.

Cando reiteramos que co que costa un submarino nuclear, por exemplo, se podería pagar un programa completo de vacinación para todos os nenos e nenas do mundo, acúsannos de demagogos. Polo contrario, gastar 3 billóns de dólares na guerra de Iraq foi unha proba de sensatez, unha inversión de futuro, unha liberación. Malditas guerras!!!.

___________________________

Manuel Dios Diz – Presidente Seminario Galego de Educación para a Paz, Fundacion Cultura de Paz. Santiago De Compostela, Galicia, España. www.sgep.org

 

This article originally appeared on Transcend Media Service (TMS) on 25 Mar 2013.

Anticopyright: Editorials and articles originated on TMS may be freely reprinted, disseminated, translated and used as background material, provided an acknowledgement and link to the source, TMS: (Galego) Malditas Guerras, is included. Thank you.

If you enjoyed this article, please donate to TMS to join the growing list of TMS Supporters.

Share this article:

Creative Commons License
This work is licensed under a CC BY-NC 4.0 License.


Comments are closed.